Asociación

Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno

A Asociación


A “Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno” é
unha organización sen ánimo de lucro do ámbito autonómico galego que representa legal e financeiramente ao Proxecto Trasno.

A asociación fúndase o 17 de outubro de 2009 en Santiago de Compostela e está rexistrada no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia co número 2009/013660-1 (SC). Ten o NIF G70234315.

Obxectivos

A asociación traballa na localización de software libre ao galego, dando recursos para os tradutores e promocionando e difundindo a labor destes.

Detallado máis polo miúdo, a asociación ten os seguintes obxectivos:

  1. A promoción e difusión do software libre, dos seus valores e da relevancia para o interese xeral da sociedade galega, con énfase na posibilidade de empregalo en galego ou da posibilidade de contribuír a que estea nesta lingua.
  2. A localización de software libre ao galego co fin de que a comunidade galegofalante poida dispor de software libre adaptado ás súas necesidades e requirimentos lingüísticos e culturais. A localización ao galego de software libre implica a adaptación deste para que estea traducido á lingua galega, dispoña de servizos nesta lingua como axudas e titoriais, e dispoña de ferramentas de apoio e asistencia, tales como dicionarios e correctores ortográficos. Para as actividades da asociación, utilizarase a Normativa oficial do galego sen prexuízo de se crearen e acolleren distintas versións dos recursos tamén noutras normas lingüísticas alternativas.
  3. Poñer a disposición libre de todos cantos voluntarios queiran localizar software libre ao galego
    ferramentas e material do que se poidan servir para realizar esta tarefa, sempre na medida do que a asociación poida. Igualmente, permitir o acceso a calquera persoa sen restrición nin trabas a todos os recursos xerados pola actividade da asociación e de todos os contribuidores ora por medio dos proxectos de software libre que son localizados ora a través das canles propias da asociación.
  4. Dar apoio e asistencia aos voluntarios e, en xeral, a todas aquelas persoas interesadas, relativa á formación necesaria para poder contribuír á localización de software libre, sempre na medida do que a asociación poida. Isto inclúe a formación e axuda en aspectos tanto informáticos coma filolóxicos.
  5. Desenvolver software libre especialmente relacionado cos procesos de internacionalización mais
    tamén específico doutros ámbitos. Isto inclúe deseñar, desenvolver, probar, dar asistencia, promocionar e difundir o seu uso.
  6. Contribuír ao patrimonio lingüístico e cultural galego avanzando na incorporación do galego ao eido da informática, innovando na adaptación e desenvolvemento de terminoloxía propia para a lingua neste eido e poñendo a disposición pública e libre os resultados destes esforzos.
  7. Representar á comunidade de colaboradores nas actividades promovidas ou participadas pola Asociación.
  8. Colaborar con outras entidades que compartan os seus fins.

e realiza as seguintes actividades:

  1. Crear e soster a infraestrutura necesaria para que se realice ou facilite a tarefa de localización de software libre, se dea apoio e asistencia a esta, se posibilite a comunicación entre todos os asociados e voluntarios e se almacenen e distribúan os recursos xerados derivados da actividade de localización. Isto inclúe, ademais de medios físicos, os servizos a través da Internet como páxinas web, listas de correo, foros, blogs e outros medios similares.
  2. Realizar encontros, xornadas, etc. para que os asociados e os contribuidores avancen nos obxectivos da asociación.
  3. Realizar actividades para a formación en todos os aspectos implicados na actividade de localización, con énfase na localización ao galego.
  4. Coa finalidade da promoción e difusión do labor da asociación e dos seus valores, organizar
    simposios, charlas, campañas e organizar outro tipo de actividades, tanto convocadas pola asociación coma por pedimento de terceiros.
  5. Publicar artigos, libros ou outro material de edición propia relacionados coa finalidade da asociación, tanto en formato impreso coma dixital.
  6. Desenvolver software libre, sostelo, liberalo e darlle asistencia aos usuarios.
  7. Formalizar e executar convenios de colaboración con outras entidades tanto públicas como privadas
  8. Realizar a contratación de servizos profesionais, asesoramento ou comerciais para os fins propios da Asociación.
  9. Expedir certificacións de recoñecemento de méritos dos socios ou colaboracións nas actividades da Asociación.

Estatutos

Pódense ler os estatutos completos dende aquí: Estatuto da Asociación Proxecto Trasno

Composición da directiva

A asemblea constituínte asistiron, e son polo tanto membros fundadores da asociación: Miguel Ángel Bouzada, Miguel Branco, Xosé Calvo, José M. Castroagudín, Adrián Chaves, Francisco Dieguez, Indalecio Freiría, Antón Méixome, Leandro Regueiro, Daniel Muñíz, Xabier Villar,  Marcelino Villarino. Os membros elixidos para a directiva da asociación foron:

  • Presidente: Miguel Branco
  • Vicepresidente: Miguel A. Bouzada
  • Secretario: Leandro Regueiro
  • Tesoureiro: Xosé Calvo

A directiva, vixente ata o ano 2014, foi

  • Presidente: Miguel Branco
  • Vicepresidente: Miguel A. Bouzada
  • Secretario: Leandro Regueiro
  • Tesoureiro: Antón G. Méixome

A directiva actual, desde 2014 está composta do modo seguinte

  • Presidente: Antón Méixome
  • Vicepresidente: Xurxo Barreiro
  • Secretario: Leandro Regueiro
  • Tesoureiro: Miguel Branco

 

Acordos de réxime interno

O modo de traballo da asociación, o que inclúe as votacións e celebración de asembleas, está definida nos estatutos.

Fóra diso, a asemblea constituínte definiu unha cota anual de 25€ por socio, bardante para estudantes e desempregados que é de 15€.

Patrocinadores

A asociación precisa e agradece a colaboración loxística ou contribución económica de calquera particular ou empresa. Para contribuír de calquera destas maneiras, póñase en contacto coa presidencia da asociación.

Contacto

Pódese contactar directamente coa asociación desde os comentariod do web de trasno.gal ou por medio das listas de correo do Proxecto Trasno proxecto en trasno.gal.

Facerse socio

Para facerse socio póñase en contacto ca Secretaría enviando unha mensaxe a directiva en trasno.gal.

Socios

Deixe unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.