Esta fin de semana, Debian 9 «Strech»

Despois de 26 meses de desenvolvemento o proxecto Debian está orgulloso de presentar a súa nova versión estábel 9 (nome en clave Stretch), que será mantida durante os próximos 5 anos grazas ao traballo combinado do equipo de seguridade de Debian e do equipo de mantemento a longo prazo de Debian.

Debian 9 está adicado ao fundador do proxecto, Ian Murdock, que finou o 28 de decembro de 2015.

A variante de MySQL utilizada por omisión en Stretch é agora MariaDB. Durante a actualización os paquetes de MySQL 5.5 ou 5.6 serán substituídos automaticamente polos de MariaDB 10.1.

Firefox e Thunderbird retornan a Debian coa publicación de Stretch, e substitúen as versión sen marca Iceweasel e Icedove, que estiveron presentes no arquivo durante máis de 10 anos.

Grazas ao proxecto de construcións reproducíbeis (Reproducible Builds project), máis do 90% dos paquetes de código fonte incluídos en Debian 9 construirán paquetes binarios idénticos bit a bit. Esta característica é importante para a verificación dos paquetes e protexe aos usuarios de intentos maliciosos de alterar compiladores e redes de construción. En futuras versións de Debian incluiranse ferramentas e metadatos para que os usuarios poidan validar a procedencia dos paquetes contidos no arquivo.

Os administradores e aqueles que traballen en entornos de alta seguridade sentiranse aliviados de saber que o sistema xestor de pantallas X xa non require privilexios de root para executarse.

Stretch é a primeira versión de Debian en ofrecer unha rama moderna de GnuPG no paquete gnupg. Isto supón criptografía de curvas elípticas, mellores opcións por omisión, unha arquitectura máis modular e unha mellora no uso de tarxetas intelixentes (smartcards). Continuarase a ofrecer a rama clásica de GnuPG como gnupg1 para a xente que o precise, pero agora considérase obsoleto.

Os paquetes con información de depuración son agora máis doados de obter e usar en Debian 9 Stretch. Un novo repositorio dbg-sym pode engadirse á lista de fontes APT para fornecer símbolos de depuración automaticamente para moitos dos paquetes.

O uso de UEFI (Unified Extensible Firmware Interface), que foi introducido en Wheezy continúa a mellorarse en Stretch, que permite instalar nun firmware UEFI de 32 bits con un núcleo de 64 bits. As imaxes de Debian en vivo, como novidade, tamén permiten arrancar con UEFI.

Esta publicación inclúe numerosas actualizacións dos paquetes de software, como por exemplo:

  • Apache 2.4.25
  • Asterisk 13.14.1
  • Chromium 59.0.3071.86
  • Firefox 45.9 (no paquete firefox-esr)
  • GIMP 2.8.18
  • unha versión actualizada do contorno de escritorio GNOME 3.22
  • GNU Compiler Collection 6.3
  • GnuPG 2.1
  • Golang 1.7
  • KDE Frameworks 5.28, KDE Plasma 5.8 e KDE Applications 16.08 e 16.04 para os compoñentes PIM
  • LibreOffice 5.2
  • Linux 4.9
  • MariaDB 10.1
  • MATE 1.16
  • OpenJDK 8
  • Perl 5.24
  • PHP 7.0
  • PostgreSQL 9.6
  • Python 2.7.13 e 3.5.3
  • Ruby 2.3
  • Samba 4.5
  • systemd 232
  • Thunderbird 45.8
  • Tomcat 8.5
  • Xen Hypervisor
  • o contorno de escritorio Xfce 4.12
  • máis de 51.000 outros paquetes de software listos para usar, construídos a partir de máis de 25.000 paquetes de código fonte.

Con esta ampla selección de paquetes e o seu tradicionalmente amplo abanico de arquitecturas dispoñíbeis, Debian mantense unha vez máis firme no seu obxectivo de ser o sistema operativo universal. Adáptase a unha gran cantidade de casos de uso distintos: desde sistemas de escritorio a portátiles, desde servidores de desenvolvemento a sistemas en clúster e servidores de base de datos, web ou de almacenamento. Ó mesmo tempo, esforzos extra no control da calidade como as instalacións automáticas e as probas de actualización para todos os paquetes no arquivo de Debian garanten que Stretch cumpre coas altas expectativas que os usuarios teñen unha versión estábel de Debian.

Pódense usar un total de 10 arquitecturas: 64-bit PC / Intel EM64T / x86-64 (amd64), 32-bit PC / Intel IA-32 (i386), 64-bit little-endian Motorola/IBM PowerPC (ppc64el), 64-bit IBM S/390 (s390x), para ARM, armel e armhf para o hardware de 32 bits antigo e máis recente, respectivamente, máis arm64 para a arquitectura AArch64 de 64 bits, e para MIPS, ademais do mips (big-endian) e mipsel (little-endian) de 32 bits, hai unha nova arquitectura mips64el para o hardware little-endian de 64 bits. O Motorola/IBM PowerPC (powerpc) xa non se pode usar en Stretch.

Quere probalo?

Se só quere probar Debian 9 Stretch sen instalalo, pode usar unha das imaxes en vivo dispoñíbeis, que cargan e executan o sistema operativo completo en modo de só lectura usando a memoria do seu computador. Se lle gusta o sistema operativo ten a opción de instalalo desde a imaxe en vivo ó disco duro do seu computador. A imaxe en vivo está dispoñíbel para CD, memorias USB e arrinque desde a rede. Inicialmente ofrécense estas imaxes só para as arquitecturas amd64 e i386. Hai máis información dispoñíbel na sección das imaxes de instalación en vivo do sitio web de Debian.

Se escolle instalar Debian 9 Stretch directamente no disco duro do seu computador, poderá escoller entre unha variedade de medios de instalación como discos Blu-ray, DVD, CD, memorias USB ou a través dunha rede interna. Pode instalar diferentes contornos de escritorio — GNOME, KDE Plasma Desktop e Applications, LXDE e Xfce — usando estas imaxes, escollendo a súa preferencia desde os menús de arranque dos medios de instalación. Ademais, están dispoñíbeis CDs e DVDs multiarquitectura que permiten instalar en diferentes arquitecturas desde un único disco. Ou pode crear un medio de instalación USB arrancábel (consulte a guía de instalación para obter máis información). Para os usuarios da nube, Debian tamén ofrece imaxes OpenStack preconstruidas para as arquitecturas amd64 e arm64, listas para usar.

Debian pode ser instalado en 75 idiomas, a maioría dos cales está dispoñíbeis tanto desde unha interface de usuario baseada en texto como desde unha interface gráfica.

As imaxes de instalación poden descargarse agora mesmo usando bittorrent (método recomendado), jigdo ou HTTP; consulte a sección Debian en CDs para obter máis información. Stretch pronto estará dispoñíbel en discos DVD, CD-ROM, e Blu-ray físicos a través de numerosos vendedores.

Actualizando Debian

As actualizacións a Debian 9 desde a versión anterior, Debian 8 (co nome en clave Jessie) poden xestionarse automaticamente coa ferramenta de xestión de paquetes apt-get para a maioría das configuracións. Como sempre, os sistemas Debian poden ser actualizados sen contratempos, no lugar e sen paradas forzosos, pero recoméndase encarecidamente ler as notas da publicación así como a guía de instalación para prever posíbeiss problemas e para obter instrucións detalladas sobre a instalación e a actualización. As notas da publicación seguiranse mellorando e traducindo a idiomas adicionais durante as semanas seguintes á publicación.

Sobre Debian

Debian é un sistema operativo aberto, desenvolvido por centos de voluntarios de todo o mundo que colaboran a través de internet. As chaves da fortaleza do proxecto Debian son a súa base de voluntarios, a súa dedicación ao contrato social de Debian e ao software libre e a súa vontade de fornecer o mellor sistema operativo posíbel. Esta nova versión é outro importante paso nesa dirección.

Información de contacto

Para obter máis información, por favor, visite o sitio web de Debian en https://www.debian.org/ ou envíe un correo electrónico a <press@debian.org>.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*