Logo Proxecto Trasno

Presentación do Proxecto Trasno en Touro

Proxecto Trasno en TouroProxecto Trasno realizou unha presentación sobre a tradución ao galego de software libre no C.P.I. Fonte Díaz en Touro o mércores 29 de Maio. Leandro Regueiro e Xabier Villar  fixeron unha presentación das nosas actividades á que asistiron unhas trinta persoas, entre alumnos e profesores, ás que se lles falou sobre o software libre e cultura libre, o Proxecto Trasno e o labor que realiza, e como se localiza software libre.

Sen software libre non habería Tuenti!

Así falouse de por que é útil o software libre desde o punto de vista do alumnado e tamén do profesorado, revelándolles que en realidade xa o veñen usando, pensando que só é software gratuíto cando o importante é a liberdade e seguranza que lles ofrece por ser libre.

Que o software libre non lle trae máis ca servizos accesíbeis e beneficios científicos e culturais quedou ben claro polo que tamén se fixo fincapé na oportunidade que lles ofrece para contribuír xa incluso sendo só usuarios e comunicando os erros de funcionamento ou tradución, que é o facemos en Trasno.

Alén do software libre, a cultura libre

Tamén se falou da norma ética e cultural que está detrás da comunidade que apoia e que permite dispoñer de proxectos como a Wikipedia ou repositorios musicais como Jamendo, libros de todas as temáticas, filmes, etc. Non só ciencia e traballo senón tamén cultura e ocio. Non podía quedar de lado, unha pequena referencia á actividade que está producindo nestes momento un grande impacto como o desenvolvemento do hardware libre: Arduino, RaspberryPi, impresoras 3D, etc.

Volvendo á tradución, por que?

Proxecto Trasno explicoulles o feixe de razóns polos que esta actividade resulta de gran interese para todos, xa que vivimos nunha sociedade informatizada:

  1. Aprender
  2. Facilitarnos a vida
  3. Beneficio propio
  4. Altruísmo
  5. Entretemento
  6. Satisfacción persoal
  7. Independencia cultural
  8. Porque se pode, sobre todo se é software libre.

Os asistentes recibiron tamén información sobre as ferramentas que se utilizan nas traducións asistidas por computador (TAC, ou CAT polas súas siglas en inglés), os recursos lingüísticos xerados porque como dixo un dos relatores «creamos recursos, creamos idioma, creamos futuro».

[metaslider id=1003]

Finalmente déronse a coñecer os medios cos que conta a comunidade galega de tradutores de software libre para organizarse e colaborar, sobre todo a través na nosa lista de correo á que calquera se pode subscribir en http://trasno.net/lista-de-correo-2/ e fíxose o correspondente chamamento á participación na comunidade máis aberta e inclusiva que van coñecer, a do software libre ofrecéndolles ser parte dos que usan, galeguizan, difunden, proban ou desenvolven recursos, programas ou servizos con software libre.

Podes consultar a presentación empregada  poñemos á túa disposición publicamente para a súa descarga.

Esta actividade forma parte das actividades que Proxecto Trasno realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.