A OSL do CIXUG e Trasno formarán a futuros profesionais da tradución na localización de Software Libre ao galego

Aberto prazo de inscrición para o público en xeral ata o domingo 21 de dutubro. De haber quórum suficiente repetirase o obradoiro en aberto.

Os vindeiros días 22 e 26 de Outubro, a Oficina de Software Libre do CIXUG, en directa colaboración coa nosa Asociación Trasno, organiza un obradoiro de localización de software libre para estudantes da Facultade de Tradución da Universidade de Vigo. Os 50 alumnos do curso, repartidos en dous grupos, formaranse nas ferramentas e técnicas para introducirse na tradución de software libre ao galego durante un total de 3 horas cada grupo.

Para optimizar os resultados da formación e incrementar o asentamento das competencias do alumnado na materia, o obradoiro será eminentemente práctico, traballando cada alumno co seu computador.

Durante o obradoiro abordarase o ciclo completo de localización dun aplicativo libre, neste caso MyPaint.

Os aplicativos de TAC (Tradución Asistida por Computador) que se empregarán serán Lokalize+Pology e exemplificarase a reutilización e produtividade das memorias de tradución e dos ficheiros estándares de intercambio de terminoloxía xerados pola comunidade de tradución ao galego do proxecto Trasno. Por suposto, estes recursos están dispoñibles no formatos abertos TMX e TBX.

Esta actividade está incardinada co labo”r de divulgación do Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución (GELT) que está constituído da Universidade de Vigo como grupo oficial de investigación.

A maiores, a organización abre un prazo de inscrición para o público en xeral interesado en recibir esta formación no campo da localización e tradución de software libre ao galego. De haber suficientes inscritos, cun mínimo de 10 persoas, realizaríase a formación o mércores 24 de outubro pola tarde nas instalación do Cuvi.

Todos os interesados en inscribirse neste obradoiro do día 24 deben remitir antes do domingo 21 de outubro un correo cos seus datos ao enderezo da OSL do CIXUG: osl@cixug.es.

NOTA X
Esta nova actualizase en breve cos horarios e demais detalles pendentes de confirmación.

—-
Estes obradoiros forman parte das actividades que a OSL e o Asociación Cultural Trasno realizan ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

O Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución (GETLT) desenvolve as suas actividades en aspectos relacionados con:

– a análise e o fomento do uso do software libre na prática profesional da tradución;
– a análise e o fomento do uso do software libre na formación das persoas que se dedican a esta actividade;
– a visibilidade e a proxeción do traballo desenvolvido polas comunidades que colaboran na tradución de proxectos libres;
– o estímulo a cooperación de estudantes, docentes e profesionais da tradución coas comunidades que colaboran na tradución de proxectos libres.