O Proxecto Trasno estará na Libre Software World Conference ’12

O vindeiro 18 e 19 de outubro celebrarase a terceira edición da Libre Software World Conference na cidade da Cultura en Santiago de Compostela. A LSWC’12 será o maior evento realizado en España sobre o Software Libre e suporá un punto de encontro a nivel internacional grazas á participación de expertos e profesionais de diferentes países.

Nesta edición o Proxecto Trasno temos a oportunidade de impartir o relatorio do venres 19 ás 16:30.

No relatorio faremos un resumo da historia do proxecto e do software libre que temos posto en galego. Explicaremos ademais como apostar polo software libre nos permite poñer sen atrancos o galego nas novas tecnoloxías e con iso abrirlle futuro á nosa lingua. Introduciremos ademais o impacto do software libre na conservación de linguas minoritarias e e os puntos positivos na introdución de aplicativos en sectores específicos ou países emerxentes.

A asistencia ao evento é gratuíta. Agardámosvos!.