Publicado o novo GNOME 3.4 ao 100% en galego


Ven de publicarse o novo GNOME 3.4, a primeira versión do Ano da Accesibilidade de GNOME.

Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na moderna concepción do escritorio GNOME 3. Ademais fíxose un importante traballo na mellora da accesibilidade deste contorno de escritorio.

E por suposto, unha vez máis GNOME 3.4 está dispoñíbel 100% en galegoNesta ocasión ademais con una meta que se nos meteu na cabeza, chegar ao 40% da documentación (tamén accesíbel por web) e minimizar o número de aplicativos con traducións parciais dos aplicativos extras de GNOME, chegando así até o 77%  tamén en galego. Esta última meta realizouse uns minutos antes de que finalizara o tempo.

Cambios importantes

Como se pode ler nas notas de publicación de GNOME 3.4 (tamén en galego), esta nova versión chega cargada de melloras e novidades que teñen como resultado un GNOME 3 máis brillante, máis ordenado e máis seguro.

  • Melloras no aspecto, interface e usabilidade dos aplicativos:
    Neste ciclo de publicación a principal preocupación do proxecto GNOME centrouse nos seus aplicativos. Así, os novos aplicativos publicados na anterior versión 3.2 obtiveron actualizacións importantes para facelos máis limpos e máis doados de usar sen descoidar
    por suposto ao resto de aplicativos existentes que tamén recibiron unha revisión para que deste modo sexan máis consistentes e estean mellor integrados con GNOME 3.
  • Moitas outras pequenas melloras: as melloras incrementais e a limpeza foi un dos focos máis importantes nesta publicación. O resultado é que GNOME recolleu un gran número de pequenas melloras que achegan un gran incremento na calidade. Grazas á nova iniciativa Cada detalle importa, enfocada na mellora da calidade da vista de actividades, coidáronse moitos pequenos detalles, incluíndo melloras nas etiquetas do iniciador de aplicativos, novas etiquetas de xanelas e títulos, mellor navegación do rato, estilos de texto máis lexíbeis e un «Taboleiro» máis doado de usar.
  • Compatibilidade para videochamadas e «Live Messenger». Empathy, inclúe unha nova interface de chamada de voz e videochamada. Isto fornece unha forma moi boa de facer videochamadas e está completamente integrado en GNOME 3, polo que pode responder de forma doada e rápida ás videochamadas que reciba. Ademais nesta versión incorpora compatibilidade con «Windows Live Messaging» e o chat de Facebook, polo que conversar con amigos é máis doado que nunca.
  • Preferencias do sistema melloradas: revisouse o deseño e disposición dos paneis de configuración das preferencias do sistema.
  • Mellor compatibilidade de hardware: realizáronse esforzos na mellora da compatibilidade e integración de hardware, facendo que GNOME 3 funcione con máis dispositivos hardware e fornecendo unha experiencia máis completa.
  • Melloras en accesibilidade. GNOME 3.4 é a versión máis accesíbel ate a data, con énfase na confiabilidade e usabilidade para todos. GNOME iniciou a campaña de recollida de fondos Amigos de GNOME para impulsar o seu compromiso coa accesibilidade con máis  recursos para facer do 2012 o Ano da accesibilidade para GNOME. Esta publicación inclúe importantes melloras nas características de accesibilidade de GNOME entre as que se inclúe:
  • Mellora na integración de Orca. A compatibilidade de GNOME 3 cos lectores de pantalla mellorou o que significa que os usuarios do lector de pantalla Orca agora poden usar GNOME 3 como o seu contorno de computación. Esta integración seguirá desenvolvéndose en futuras publicacións, e recomendámoslle aos usuarios de Orca que nos envíen os seus comentarios.
  • Modo de contraste alto mellorado.
  • Configurar o zoom para axeitarse a vostede : As novas opcións de zoom engadidas permítenlle cambiar o factor de magnificación, o seguimento do rato, a posición da vista magnificada na pantalla e activación de punto de mira para axudarlle a atopar o punteiro do seu rato ou área táctil.

O código fonte de GNOME 3.4 está dispoñible gratuitamente para descargar e redistribuír , aínda que para a maioría de usuarios é aconsellable agardar ata que GNOME 3.4 estea dispoñible a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus provedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Queremos darlle as grazas á Oficina de Coordinación FLOSS da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galiza por redactar a meirande parte desta nova podendo así centrarnos no que nos gusta: Facer desta última publicación de GNOME, a publicación con máis calidade e mellor cobertura do idioma Galego.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*