Publicación de GNOME 3.2, recursos lingüísticos e informe de tradución

Logo varios meses de duro traballo publicouse a nova versión de GNOME 3.2, a primeira versión dende a publicación do innovador contorno GNOME 3.0, co que o proxecto emprendeu unha gran reformulación da interface de usuario para transformarse nunha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na nova concepción do escritorio GNOME 3. Con certo retraso agora publicamos o informe de tradución da versión 3.2 de GNOME ao galego.

O traballo neste ciclo consistiu na tradución e revisión das máis de 40.000 cadeas do núcleo deste contorno de escritorio e na anovación das cadeas en base aos novos consensos que a comunidade de localización galega leva acordado no último ano e medio.

Ademais cabe destacar que o importante incremento na porcentaxe de tradución da documentación, dun 11% no anterior ciclo até o 32% no actual. O cal fai aínda máis doado o uso do escritorio GNOME para os usuarios principiantes por contar con un recurso moi importante no idioma galeg. A día de hoxe o escritorio GNOME é un dos poucos proxectos localizados ao galego con dito nivel de tradución da documentación.

Este informe de tradución resume os cambios, melloras e eventos que aconteceron ao longo do último ciclo de tradución. Entre outros puntos o informe relata o proceso de tradución, os cambios no proceso de revisión, estatísticas de número de cadeas traducidas ao longo das versións, capturas de pantalla do estado do proxecto no Damned Lies e finalmente as perspectivas de futuro para os vindeiros ciclos.

Pode descargar o informe de tradución, memorias de tradución en formato TMX e compendios Gettext, ficheiros orixe por aplicativo e demais recursos desde este enderezo.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*