O novo Proxecto Trasno

Despois de 10 anos traballando a prol do software libre en galego (SwL, en diante) ou, se preferides do galego no SwL, despois de constituír a  Asociación  que represente legalmente ao voluntariado, cando sexa necesario, chegou o momento de presentar unha imaxe máis acorde cos tempos, de aí este novo web. Pero non é unha nova cara para os mesmos contidos, xa que incorporamos novas ferramentas e novas maneiras de establecer comunicación cos usuarios e entre os tradutores… que no fondo é o que serviu de catalizador para constituír a  Asociación . As novas ferramentas son o TiBoXeGlósima, delas falaremos despois; entre os novos medios están o noso foro, os perfís en Facebook, Twiter, Latri.ca e en Identi.ca. Pero seguimos tamén coa  lista de correo  que  funcionou ata agora  como canle principal.

Incorporamos tamén blogs para cada proxecto de tradución, nos que os seus coordinadores poderán ir informando de cada paso, temos tamén unha plaforma de tradución en liña (Pootle) e unha wiki  máis estensa e mellor artellada que a que viñamos utilizando; nela xa engadimos moita documentación útil para os tradutores, e máis que seguiremos a xerar.

 

TiBoXe do que falabamos antes é unha ferramenta libre (GPL) de consulta de terminografía informática, nacida no seo de Proxecto Trasno; o desenvolvedor principal é Fran Diéguez, coordinador do equipo de tradución de GNOME. Este aplicativo web aliméntase do traballo xa feito, das memorias de tradución de cada versión e dos glosarios lexicográficos xerados con elas. Para os máis técnicos diremos que é unha interface de corpus de traducións de software.

O  Glósima do Proxecto Trasno é un servidor de terminoloxía en web para o debate e a fixación terminolóxica ao servizo dos tradutores de software. Daquela, é un servizo complementario do TiBoXe. Con el pretendemos recuperar e sistematizar o inmenso traballo de afinación da terminoloxía da localización (adaptación) ao galego, tanto a elaborada polo propio Proxecto Trasno como por todos aqueles que se preocuparon con esta cuestión ao longo de máis de 15 anos. Hai miles de termos e miles de horas de esculca e debate para compendiar, moitos deles que foron estudados exclusivamente por tradutores vinculados ao Proxecto Trasno.  O sistema permite a definición de glosarios por idioma/s, ámbito e mesmo o grao de complexidade dun glosario; como servizo de comunidade xestiona o debate ata chegar a unha solución neolóxica que pretende servirlle ao tradutor como referencia de autoridade colectiva. Tamén así pretendemos facilitar o traballo dos investigadores do idioma e dar a coñecer a realidade de que o galego é unha lingua vivísima e perfectamente capaz para ser utilizada no sector tecnolóxico, que non ten máis problemas dos que calquera outra lingua de cultura ao enfrontarse ás últimas tecnoloxías da sociedade da información. Por estas razóns o sistema é necesariamente complexo e, neste momento está dando os seus primeiros pasos. O traballo principal recae en Leandro Regueiro,  J. Chaves e Antón Méixome, coordinador do proxecto galego de OpenOffice.org. Esta ferramenta tamén é libre (GPL) e todo o contido que aloxa fai parte libre da cultura en galego.

Agardamos que este traballo dea o seu froito, séndolles útil ás persoas para ás súas necesidades de presente, de futuro; para todos e todas  fornecemos aplicativos populares e de calidade contrastada. O Proxecto Trasno é agora máis aberto, máis funcional e máis interoperable, con fe anovada no software libre e na forza do traballo colaborativo.

Deixe unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.