O equipo de tradución ao galego de Ubuntu sitúa o idioma galego nos postos máis altos

logoGTTO equipo de localización ao galego de Ubuntu vén de informar que acadou os máximos niveis de tradución de toda a súa historia, posicionándose no posto 17 na clasificación de idiomas en Ubuntu, por diante da comunidade catalá e tan só a 3 postos da comunidade portuguesa.

Isto supón que no último ano avanzáronse 3 postos nesta clasificación, xa que o galego ocupaba o posto número 20 cando se publicou a Ubuntu 9.04, e que, de seguir este excelente ritmo, dentro dun ano sería posible estar entre os 15 primeiros idiomas con maior nivel de tradución de Ubuntu.

Grazas ao seu excelente traballo a futura Ubuntu LTS 10.04 será a distribución de Ubuntu que máis traducida vai estar ao galego e, o máis importante, coa mellor calidade en toda a súa historia. Nos últimos tempos o equipo de localización está poñendo unha especial énfase na supervisión, corrección, control de coherencia terminolóxica e de estilo e coordinación cos equipos de traducións dos distintos proxectos, aplicativos ou escritorios, que conforman Ubuntu.

Este esforzo merece todo o noso eloxio e recoñecemento, e moito máis aínda se facemos unha comparativa entre o número de tradutores que conforman os distintos equipos de tradución de Ubuntu dos idiomas galego, portugués e catalán.

logoGTT

Como se aprecia na gráfica, a diferenza é extremadamente notable. De feito o equipo galego conta con só o 37% dos tradutores ao idioma portugués e o 69% dos tradutores ao idioma catalán.

A pesar desta notable diferenza de forza efectiva de traballo, o noso equipo traduciu aproximadamente unhas 2000 cadeas máis que o equipo catalán, e unhas 7000 cadeas menos que o equipo portugués.

Grazas a este enorme esforzo, concentrado especialmente no último trimestre, a vindeira Ubuntu LTS 10.04 estará traducida ao galego en máis do 65%, tendo en conta que nesta cifra están incluídos tanto o escritorio Gnome, como KDE, así como moitos aplicativos dispoñibles para Ubuntu, non estando neste incluidos outros aplicativos, como por exemplo OpenOffice.org, Firefox, Thunderbird, … , xa que a súa tradución depende so de cada proxecto en particular, o que coñecemos como “upstream”.

Evidentemente, que unha comunidade tan pequena obteña tan bos resultados merece todos os nosos parabéns, pero non elimina a necesidade de facer un chamamento á colaboración e participación.

Se a comunidade de tradutores medra, os resultados poderán ser moito máis amplos e con menor esforzo.

Así que animámosvos a que vos unades á comunidade de tradución ao galego de Ubuntu.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*